Saturday 04 de May de 2024

Concello e Fegamp demándanlle á Xunta máis fondos para o servizo de Axuda no Fogar


A alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela, mantiveron un encontro en María Pita onde, entre outros asuntos, trataron os problemas económicos que afrontan os municipios debido á crise sanitaria

O Concello da Coruña e a Fegamp reclamánlle á Xunta máis recursos para o Servizo de Axuda no Fogar. Fixérono nun encontro que esta mañá mantiveron en María Pita a alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, no que foi unha primeira xuntanza institucional. Tanto a alcaldesa como o presidente do organismo municipal insisten na necesidade de que o Goberno autonómico achegue máis fondos ao programa, en especial, nestes momentos en que moitas familias están a vivir unha situación de gran vulnerabilidade. Ambos lembraron que sen ser a súa competencia parte da atención á dependencia está en mans dos concellos; dos 6 euros/hora de media que custa o servizo de Axuda no Fogar asumen o pago de 7 euros, mentres que Goberno e Xunta asumen 9 euros.

Ademais, durante o encontro abordaron a situación económica dos concellos e o custo que a factura COVID supón para os municipios que asumiron moitos gastos debido á crise sanitaria sen recibir ningunha axuda por parte da Xunta. A alcaldesa sinalou que desde o inicio da pandemia o executivo local está asumindo competencias que son da Xunta de Galicia xa que “somos as administracións locais as que estamos a darlle resposta aos sectores máis prexudicados pola crise con recursos propios e sen ter achegas como as que tivo a administración autonómica”.

A factura COVID do Concello da Coruña ascendía a principios de ano a máis de 26 milóns de euros.Rey apuntou que A Coruña foi o primeiro municipio galego en aprobar un plan de rescate económico e social, o PRESCO, para atender os sectores máis castigados pola pandemia con máis de 13 millóns de euros en axudas directas ás persoas autonómas e pemes. O Concello, dixo, foi máis alá das súas competencias coas axudas do PRESCO e está a negociar co resto das forzas políticas un novo plan de rescate.